Sunday 12 de May de 2024

Alumnado da primaria da Pobra retirou 63 quilogramos de lixo da praia da Lombiña


O Concello da Pobra do Caramiñal adheriuse á XII Limpeza Simultánea de Praias convocada para estes días pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).

No caso da Pobra, o escenario elixido foi a praia da Lombiña, na mañá deste 6 de outubro. O concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, explica que se optou por dirixir esta acción á comunidade educativa co obxectivo de conciencia-las novas xeracións na loita contra a contaminación mariña, na importancia da preservación das contornas naturais e para face-las crianzas parte activa deste tipo de iniciativas que complementan as sesións de sensibilización que se lles levan aos colexios.

Así, preto de corenta estudantes da primaria da localidade (a metade do 6.° curso do CEP Salustiano Rey Eiras e un grupo do 5.° curso do CEP Pilar Maestú Sierra) participaron nesta xornada de voluntariado ambiental na cal lograron retirar 63 quilogramos de lixo do referido areal, nunha actividade que contou coa colaboración da Protección Civil.